Un momento deste histórico debate.
Como moitos de vós
recordaredes, este ano celébrase o 25 aniversario da estrea en salas das tres
primeiras longametraxes galegas exhibidas comercialmente. Xusto dentro dun mes
conmemórase a estrea en Vigo das películas Continental (Xavier Villaverde), Urxa
(Alfredo G. Pinal e Carlos L. Piñeiro) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro) que
naceron para o público o 23, 24 e 25 de novembro de 1989, respectivamente. Con tal motivo a
Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coa AGADIC, está a realizar un
documental, paralelo á exposición que sobre este acontecemento se prepara na
Cidade da Cultura, para conmemorar esta efeméride, xunto con outros numerosos
actos.
A parte central deste documental a constituirá un interesantísimo debate
no que participaron tres testemuñas de excepción daquel acontecemento: Uxía
Branco, Xavier Villaverde e Carlos López Piñeiro, moderados aquí pola actriz
Lucía Regueiro. A Facultade de Xornalismo de Santiago serve de improvisado
plató para o evento no que participan como público de luxo os propios alumnos
da Facultade, os profesionais que no futuro tomarán o relevo. O documental está dirixido polo inconmensurable Manolo Abad e producido por Antonio
Mourelos e María Liaño, e a xente da Academia Galega, e en cuxo guión
participamos Diana López Varela e eu mesmo.
Eu, que non asistín a ningunha
daquelas estreas porque entón aínda non me dedicaba ao cine, tiven agora a
oportunidade de retrotraerme a aquel momento ao escoitar de primeira man este
interesantísimo debate cheo de anécdotas e leccións de vida, grazas a que
Manolo e María insistiron en que estivese presente no mesmo. É unha honra,
sobre todo porque ao ler no xornal da época a epopeya daqueles pioneros, ao
escoitar como Chano dicía aquilo de que “Facer cine en Galicia é posible”, crino
e decidín deixalo todo para dedicarme a este apaixonante e nobre oficio. Grazas
por pedirme que participara nesta histórica grabación. Recordo aqueles tempos
nos que se dicía que os guionistas, nas rodaxes, só podían ir para dar tabaco.
Como agora xa non se fuma —afortunadamente—, este modesto guionista pode participa
activamente, botando unha man, como na época dourada de Hollywood na que os
guionistas debían estar no plató por se había que reescribir secuencias a última
hora.
Pronto, nun mes, poderédelo ver, non ten desperdicio. É historia, é a
nosa historia que agora, tamén eu, humildemente, co meu gran de area —ou talvez
cunha pinga de tinta—, axudo a escribir. Grazas a todos os que fixestes posible
tantas páxinas marabillosas, grazas sobre todo a todos os que as ledes. E grazas
Chano, polo teu exemplo, sempre. Efectivamente, era posible.
Sede felices!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Echa tu carta al buzón