Sígueme en Facebook

lunes, 20 de junio de 2011

Frank Soutelo

Benquerido Miguel Anxo:

Parabéns! A pasada fin de semana, lin no suplemento Culturas de La Voz de Galicia que a túa nova novela, “Lume de Cobiza”, editada por Galaxia hai só un mes, cuarta aventura da saga de Frank Soutelo (detective máis particular que privado), xa está de terceira no ranking de máis vendidas. Meréceo porque é un relato, como os anteriores, entretido, simpático, emocionante, con intriga, retranca e, ademais, cheo de referencias cinéfilas. Non en balde hai un par de anos comenteiche que se algunha vez traías a Frank a Galicia —xa que os seus primeiros casos desenvolvíanse en Los Ángeles— trataría de adaptala para a pantalla. Que calado o tíñas! Xa daquela andabas pensando en traelo para que resolvese este novo caso (un caso en Galicia) durante a vaga de lumes que arrasou esta terra no 2006. De modo que agora está a pelota sobre o meu tellado.

Frank non só está en Galicia senón que xa ten a súa web (http://www.franksoutelo.com/) e mesmo o seu grupo en Facebook. E, como non podía ser menos, posto que no cine e, en xeral, en todo produto audiovisual hai que cumprir a máxima de non aburrir (Wilder & Hitchcock dixit), ímos intentalo e o vindeiro mércores, Víctor F. Freixanes, director xeral da editorial Galaxia, ti e máis eu anunciaremos a súa adaptación para película para televisión (e quen sabe se algo máis...) ás 20:30 horas da tarde no hotel AC Palacio do Carmen de Santiago que, mira ti por onde, é o hotel onde se aloxa Frank de paso por Compostela neste apaixonante thriller en formato de road-movie galaicoamericano.

Desde aquí quero agradecerche o privilexio de que confíes en min e na miña empresa para adaptar a túa novela. E non só iso, senón tamén as moitas horas de dedicación, os bos consellos e, sobre todo, a amizade coa que me agasallas xa dende hai moitos anos.

Graciñas. Unha forte aperta,

Ángel

P.D.- E se alguén ten curiosidade e quere mercar o libro, pode facelo desde a web de Biblos Clube.

1 comentario:

  1. Miguel Anxo, Angel de la Cruz e Fran Soutelo xuntos??? Onde é o encontro que quero apuntarme, levarei unhas botellas de caña feita na casa que beberemos a modiño mentres vos escoito falar.

    ResponderEliminar

Echa tu carta al buzón